ANPA

Ben-Cho-Shey

A CONSELLERÍA LICITARÁ PROXIMAMENTE A AMPLIACIÓN DO BChSh

XuntaGalicia_ConselleriaCulturaEducacion (1)

A CONSELLERÍA DE CULTURA E EDUCACIÓN LICITARÁ NOS PRÓXIMOS DÍAS
A AMPLIACIÓN DO CEIP BEN-CHO-SHEY, PARA DAR RESPOSTA AO
INCREMENTO DA POBOACIÓN ESCOLAR DE PEREIRO DE AGUIAR

 A xefa territorial na provincia de Ourense analizou hoxe a situación actual no
centro educativo, para o que se prevé unha actuación de máis de 595.000 euros.

Pereiro de Aguiar (Ourense), 3 de outubro de 2012.- A Consellería de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria licitará nos vindeiros días a ampliación do CEIP Ben-Cho-Shey,
para dar resposta ao incremento de poboación en idade escolar do concello ourensán de
Pereiro de Aguiar. Para a realización destas melloras, o departamento educativo da Xunta
de Galicia xa ten reservado unha partida nos Orzamentos de 2012.
De acordo coas necesidades detectadas pola Unidade Técnica da Consellería, o centro
contará con 7 aulas máis, e unha área de orientación, e verá reformulados os seus espazos
para un mellor aproveitamento, o que suporá un investimento de máis de 595.000 euros.
Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia cubre as necesidades de
escolarización desta localidade, tal e como comprometera cando, a inicios deste ano, se
encargou a redacción do proxecto de ampliación do centro.
A xefa territorial da Consellería de Cultura e Educación na provincia, Mercedes Gallego,
achegouse hoxe ata o CEIP Ben Cho-Shey para analizar a situación actual do centro e
informar á súa comunidade educativa das melloras previstas. Neste sentido, comunicoulles
que se crearán 3 novas aulas de infantil, 3 de primaria – unha delas específica para a
materia de Música-, e unha de reforzo; e se remodelarán varios espazos do centro para
acadar un aproveitamento máis eficiente do edificio, así como a creación dunha área de
orientación.

A ampliación do Ben-Cho-Shey afectará ás tres plantas das que consta o edificio, co fin de
cubrir as necesidades detectadas no centro. Ademais, instalarase un ascensor que
comunicará os tres andares do colexio, mellorando a súa accesibilidade.
Na planta do semisoto a principal actuación consistirá na creación dun salón de usos
múltiples do que o CEIP carece neste momento. Asemade, substituirase a caldeira de
calefacción existente por unha nova.

No que toca á planta baixa, crearanse 3 novas aulas de infantil – con cadanseu aseo- e unha
zona de arquivo para dar servizo á secretaría. En canto á remodelación de espazos, está
previsto e acondicionamento e separación da zona de Dirección da sala de profesores e a
ampliación da biblioteca escolar. No mesmo andar crearase unha nova saída de planta para
axustar o centro e a súa nova capacidade á normativa de seguridade de incendios.
No andar máis alto a ampliación servirá para crear 3 novas aulas de primaria, unha delas
específica para a materia de Música, cunha zona de almacenaxe para cada unha delas.

Ademais, ordenaranse as antigas aulas para crear un área de orientación e unha aula de
reforzo como complemento ao novo número total de aulas do centro. Así mesmo
reodenaranse.

Todo o conseguido ata agora, foi grazas ao esforzo e tesón de todos os pais do Ben-Cho-Shey

Os comentarios están pechados.